Este lugar está situado na estrada que une o porto de A Garganta con o Gumio, a 7 km. aproximadamente da Garganta. Neste punto xúntanse os concellos de A Veiga, Castropol e Vilanova de Oscos.
A serra de A Bobia, coroada polo pico Bobia ( 1.201 m.) é o punto máis alto do concello de Castropol, sendo a unidade orográfica máis occidental de Asturias. Nela e nos seus cordais adxacentes sitúase un núcleo estable de lobo Ibérico, enmarcado entre os ríos Eo e Navia. Ademais do lobo, sobreviven xabarís, corzos e raposos, aves como a aguia culabrela europea, actualmente en perigo de extinción. Tamén vive a lontra no ríos do entorno da serra. A vexetación resiste, sobre todo nos lugares máis abruptos onde as masas de autóctonas persisten en pequenas manchas acantonadas, basicamente constituídas por carballos, castiñeiros e bidueiros. Con todo, os bosques localizados no noroeste da serra, que hoxe atravesamos, posúen certa entidade no conxunto desta área.
Comezamos a andaina 125 m. antes, indo da Garganta, do cruce de estradas que levan a Illano e Boal. Aquí sae unha pista de terra que baixa cara ao norte, a cal seguimos durante un quilómetro. Na primeira curva que fai a esquerda, deixamos a pista e seguimos de fronte a través do monte raso, primeiro, e de prados despois. Vamos seguindo a divisoria dos concellos de A Veiga e Castropol ata chegar a un cimbro (738 m.) onde nos atopamos a pista que une Molexón e Leirío. Cruzamos a pista para seguir de fronte e acometer a única subida importante desta rota. Para iso seguimos un camiño que sobe cara ao cristeirío da serra da Pena Blanca a cal seguimos por toda a cimeira. Dende este lugar podemos observar innumerables poboacións que se espallan cara aos catro puntos cardinais incluíndo Ribadeo e o mar Cantábrico. Unha vez rematada a travesía pola serra de pouco máis de dous quilómetros, xiramos cara ao sur para coller un camiño que baixa ao lugar de Arco. Chegamos así a pista asfaltada citada anteriormente e seguímola ata outra máis importante que une o campo de San Fernando con Balmonte. Seguindo esta estrada pasamos xunto a unha escola abandonada que queda a nosa esquerda pero, de seguida, temos que coller un sendeiro que sae a dereita baixando polo medio do monte, entre toxos e urces primeiro, para meternos na umbra do bosque. Aquí comeza a baixada máis pendente polo medio do bosque que nos deixa no mesmo leito do río Porcía. Temos que seguir a canle do río, nun entorno verdadeiramente fermoso, para despois duns pasos onde temos que facer uso das mans, acceder a fervenza do Cioyo. O lugar é impresionante cunha caída de auga nun entorno que moi pouca xente se imaxina, tan preto da civilización. O lugar é ideal para dar conta da xanta e darse un baño quen lle apeteza. Despois do pracenteiro descanso, continuamos a camiñada seguindo o curso do río, buscando o mellor sendeiro ata que atopamos un antigo camiño, o cal seguimos, ata o lugar abandonado de A Cabanada, situada xunto ao regato que baixa de O Couselo. Temos, neste lugar, que cruzar o río por unha ponte seguindo sen desniveis polo medio da espesa foresta. Vamos pasando diversas cabanas en ruínas ata que chegamos a unha casa solitaria, a única que está en uso. Aquí collemos unha pista que sube por detrás da casa que nos leva polo medio do bosque ata entroncar, despois de cruzar un regato, con outra máis ancha. Seguimos a pista cara a esquerda que en pouco tempo nos leva a entroncar con outra máis importante. O bosque cede e ábresenos unha panorámica do val de Obanza. Pasamos polo lugar de Monteavaro e máis abaixo, nun cruce, xunto ao río temos o autobús agardándonos. Aquí remata esta travesía que nos regala fermosas vistas panorámicas na súa parte primeira e un recorrido inimaxinable xunto ao río despois.